É a segunda cadea da Radio Galega, integrada na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a antiga CRTVG. Comezou a emitir o 3 de marzo de 2004 en FM, radio dixital e internet como unha radiofórmula musical en galego, complementaria da emisora xeneralista. Xunto aos éxitos musicais, a súa grella acolle espazos de divulgación tan veteranos como «Lume na palleira», dedicado á música tradicional e de raíz, ademais de programas formativos, e mantén unha presenza destacada dos artistas galegos.